32 concellos galegos xa teñen intención de adherirse á Rede CeMIT

martes, 29 de xuño do 2010 Raquel Noya

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia, que entre outras cousas integra as aulas públicas de acceso a Internet existentes na nosa Comunidade para achegar as novas tecnoloxías e Internet ao maior número de núcleos posibles, vén de recibir a petición de adhesión dun total de 32 concellos galegos dos 42 que estaban integrados na antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información.
Este antigo proxecto, que comezou en xaneiro de 2007 en 98 entidades, entre concellos, asociacións e centros comarcais, estaba a día de hoxe presente en 42 municipios galegos porén a intención do Executivo é conseguir que a Rede CeMIT se estenda ao maior número de concellos posible dun xeito sostible e perdurable no tempo, grazas, segundo afirman, “ao aforro en alugueres e evitando duplicidades de centros da Xunta que ofertan o mesmo servizo”.
Outra novidade que achega a Rede CeMIT respecto da antiga Rede de Dinamización é, segundo afirman dende a Xunta, “que se promoverá a incorporación dos municipios interesados en dar este servizo baixo un criterio de concorrencia competitiva e non atendendo ao criterio único da Administración autonómica”.
O novo modelo de xestión posibilitará a posta en marcha de novos centros e a contratación de máis axentes TIC para apoiar difusión das novas tecnoloxías en todo o territorio galego. Precisamente, estes obxectivos están recollidos nun convenio asinado o pasado 30 de abril entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Como temos apuntado noutras ocasións en Código Cero, os municipios interesados en incorporarse á Rede CeMIT deberán dispoñer dun local que cumpra os requisitos técnicos precisos e a Xunta achegará ao concello unha contía equivalente ao 80 por cento do salario do axente TIC e ocuparase de dotar de equipamento informático ao centro e do mantemento técnico do mesmo. Ademais, a Administración autonómica facilitará unha ampla carta de servizos a través do Plan de Alfabetización Dixiltal, presentado o pasado 5 de abril.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xa se puxo en contacto cos concellos pertencentes á antiga Rede de Dinamización para comunicarlles o remate dese proxecto ao tempo que se lles informa das vantaxes do novo modelo e do procedemento a seguir para a adhesión á nova Rede.