iOS 9.3 provoca problemas en numerosos dispositivos

luns, 28 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A chegada de iOS 9.3 parecía que sería un proceso de actualización sen traumas, xa que esta nova versión do sistema operativo móbil de Apple pasara por sete versións de proba públicas, dando por feito que todo estaba máis que probado, pero a cousa non foi así, e nas primeiras horas xa detectaron problemas en terminais vellos, que chegaban a quedar bloqueados (concretamente atrapados nun bucle de reinicios), o que forzou á retirada parcial da actualización para publicar logo unha versión corrixida que facilitaba a restauración dos dispositivos afectados; pero a cousa non quedou aí, e moitos usuarios con diferentes dispositivos detectaron que tanto o navegador Safari como certas aplicacións perdían a capacidade de abrir ligazóns, chegando a provocarse bloqueos tras premer nunha ligazón, no que algúns usuarios describían como un problema con JavaScript (aínda que hai usuarios que aseguran que desactivando JavaScript o problema continúa nos seus dispositivos), polo que incluso poderiamos estar ante un fallo no sistema de ligazóns universais de iOS 9, que terá que corrixirse nunha futura actualización, polo que o mellor consello que pode darse e evitar iOS 9.3 na medida que sexa posible, mentres non se corrixan os graves problemas que está a presentar unha das versións de iOS que teoricamente estaría mellor probada.
ACTUALIZACIÓN (31-3-2016): Finalmente Apple publicou a actualización a iOS 9.3.1 solucionando os fallos máis graves de iOS 9.3.