WekAb.com, ao detalle o vindeiro 15 de abril no Centro Demostrador TIC
luns, 13 de abril do 2015
O Centro Demostrador
TIC de AMTEGA vai acoller o día 15 de abril unha nova sesión
práctica con tecnoloxía innovadora. Trátase
dunha cita para profesionais galegos con WekAb, plataforma en
liña especializada no ámbito da formación e, segundo os
responsables do Centro, de gran potencial para facilitar o contacto
entre expertos e formadores con empresas centradas no ensino. A
sesión desenvolverase en horario de 10.00 a 12.00 horas. A
plataforma WekAb, sinálase,
basea unha boa parte do seu empuxe nunha metodoloxía áxil e nun
factor prestixio acumulado que achega fiabilidade.
“Os profesionais do
ámbito da formación”, engade o Centro Demostrador, “poden darse
a coñecer, xerar reputación, formarse e ser accesibles para as
empresas do eido docente”. Trátase dun proxecto cualificado como
IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) pola Xunta de
Galicia que actualmente participa no programa Galicia Open Future de
Telefónica, en colaboración coa Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Axencia Galega de Innovación
(GAIN) e o IGAPE.
A sesión demostradora
está especialmente deseñada para formadores de formación continua
e ocupacional, profesionais sénior por conta propia ou allea que
queiran dedicarse á formación como actividade complementaria. Para
participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC.

