Tenestilo.com achega dende Ourense un estilista virtual a disposición da comunidade internauta

mércores, 28 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Tecnópole de Ourense infórmanos dunha nova plataforma dixital posta en marcha na súa contorna, falamos de tenestilo.com, páxina web que, como o seu nome indica ben ás claras, diríxese a facilitar asesoramento en imaxe, a nivel de vestiario e demais, ao tempo que produtos de téxtil vinculados a primeiras marcas. A plataforma estréase cunha liña de traballo innovadora: achegando un estilista virtual personalizado. Nesta primeira tempada, TenEstilo presenta unha escolma de máis de 20 compañías do sector, dúas das cales son galegas. Os deseñadores Marga Prado e D-due integran esta iniciativa, posta en marcha pola galega María Antonia Otero Quintas e a canaria Alicia Feliciano Divasson.
Amais de unha páxina web, estamos, en palabras das súas creadoras, ante un xeito distinto de distribuír produtos de moda en Internet. En boa medida, porque adapta ao eido dixital, punto por punto, a práctica tradicional de deixarnos examinar e aconsellar por unha/un profesional da moda. Ou sexa, que na web permítese determinar a combinación de garantías e accesorios que mellor nos acaian ás nosas características morfolóxicas (estatura, medidas ou idade) e á natureza do evento especifico (traballo, lecer ou festa, entre outros) ao que teñamos que asistir.
A posta en marcha da plataforma foi posible, informa a Tecnópole, grazas á colaboración entre as estilistas e os enxeñeiros informáticos da empresa Ideit, tamén con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), da Facultade de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela.
Ás marcas galegas únense firmas de primeira liña como Ángel Schlesser, Roberto Torretta, Lydia Delgado, Farrutx, Lechienerrant, JV by Jorge Vázquez, Pepa Díez, Helena Rohner ou Marlota.