Samsung asegura poder anticipar desmaios co Galaxy Watch6 ata cinco minutos antes

xoves, 7 de maio do 2026 Redacción

Samsung anunciou os resultados dun estudo clínico desenvolvido xunto ao Hospital Universitario Chung-Ang de Gwangmyeong (Corea do Sur) no que se valida a capacidade do Galaxy Watch6 para predicir episodios de síncope vasovagal (VVS) cun elevado nivel de precisión mediante sinais biométricos captados polo reloxo intelixente.
A síncope vasovagal prodúcese cando a frecuencia cardíaca e a presión arterial descenden bruscamente debido a factores como o estrés intenso, provocando unha perda temporal de consciencia. Aínda que normalmente non representa un risco vital directo, as caídas asociadas poden derivar en lesións graves como fracturas ou conmocións cerebrais.
O estudo, liderado polo profesor Junhwan Cho do departamento de Cardioloxía do centro médico coreano, avaliou 132 pacientes con sospeita de sufrir este tipo de episodios durante probas clínicas inducidas de desmaio. Para iso empregouse un Galaxy Watch equipado cun sensor PPG (fotopletismografía), analizando datos de variabilidade da frecuencia cardíaca (HRV) mediante un algoritmo de intelixencia artificial.
Segundo os resultados publicados, o modelo foi capaz de anticipar episodios de síncope ata cinco minutos antes de que se producisen cunha precisión do 84,6 %. O sistema acadou unha sensibilidade clínica do 90 % e unha especificidade do 64 %.
Cho salientou que ata o 40 % da poboación experimenta algún episodio de síncope vasovagal ao longo da súa vida, mentres que un terzo dos afectados sofre recorrencias. O investigador considera que un sistema de aviso temperán permitiría aos pacientes adoptar unha posición segura ou solicitar axuda antes de perder o coñecemento, reducindo así o risco de lesións secundarias.
Samsung interpreta estes resultados como unha mostra do potencial dos dispositivos vestibles para avanzar cara a modelos sanitarios centrados na prevención e non só no tratamento posterior. Jongmin Choi, responsable do grupo de I+D en saúde da división Mobile eXperience da compañía, asegurou que seguirán ampliando as capacidades de monitorización dos seus wearables e reforzando a colaboración con institucións médicas.
Os achados foron publicados no volume 7, número 4, da revista científica European Heart Journal – Digital Health. Samsung asegura que se trata do primeiro estudo que demostra o potencial dun reloxo intelixente comercial para anticipar episodios de síncope mediante monitorización continua.