Os sectores audiovisual e tecnolóxico do país unen forzas

xoves, 31 de maio do 2012 Raquel Noya

O Cluster Audiovisual Galego (CLAG) e mailo Cluster TIC Galicia, veñen de asinar un convenio de colaboración, polo que se comprometen a desenvolver liñas de actuación conxuntas en torno aos eidos formativo, científico e tecnolóxico, de maneira que favorezan o incremento da competitividade do tecido empresarial galego.
Así, Andrés Barbé Riesco, presidente do CLAG, e Jesús Lage Fernández, secretario do Cluster TIC, comprometéronse coa súa sinatura a participar en proxectos conxuntos, tanto de ámbito nacional como internacional, de maneira que se optimicen os recursos de ambas entidades e se aforre tempo e custes no avance cara unha situación máis solvente por parte das empresas socias.
O acordo, asinado no marco dunha xornada de networking celebrada en Compostela, prevé o desenvolvemento de actividades e iniciativas de cooperación no terreos da investigación, a transferencia de coñecemento e tecnoloxía, a I+D+i, a formación e a difusión tecnolóxica, así como a identificación de oportunidades que poidan dar lugar a accións emprendedoras.
Segundo informan, o convenio marco terá unha duración de dous anos, que poderá ser prorrogada por acordo das partes, ao que engaden que “unha comisión de seguimento velará polo cumprimento dos acordos e avaliará os seus resultados”.
Este convenio xorde, en boa medida, para que as empresas asociadas poidan abrirse camiño en mercados internacionais, segundo nos fixo saber Lage en relación aos froitos que podería render a súa sinatura; neste senso, o secretario do Cluster TIC asegura estar convencido de que as dúas entidades poden axudarse mutuamente “a aproveitar mellor os nosos recursos para que as nosas empresas sexan máis fortes, máis competitivas e máis capaces de afrontar con éxito o reto da internacionalización”.
Andrés Barbé, pola súa parte, xustificou a sinatura do convenio coa entidade tecnolóxica por mor da transición que está a experimentar a industria audiovisual tradicional cara os formatos dixitais, e neste senso indicou que “a vertente dixital da industria audiovisual posicionouse como o verdadeiro motor do futuro do sector”.
Xa que logo, a través da sinatura deste convenio, os sectores audiovisual e tecnolóxicos do país collen folgos para abrirse camiño xuntos no eido internacional, ao tempo que se axudan mutuamente no fortalecemento das súas entidades no mercado nacional.