O servizo xurídico en liña sobre violencia de xénero supera as 129 consultas no seu primeiro semestre

luns, 9 de abril do 2012 Raquel Noya

O servizo xurídico en liña para mulleres que a Secretaría Xeral da Igualdade estreou hai seis meses para asesorar a este colectivo en todo o relativo á violencia de xénero, vén de superar neste tempo as 129 consultas, realizadas na súa gran maioría dende as provincias da Coruña e Pontevedra.
A ferramenta permite obter na distancia unha resposta áxil e personalizada sobre as dúbidas que xurdan en torno á lexislación e os trámites a seguir en casos de violencia de xénero, salvando así as reticencias que se producen en moitos casos á hora de solicitar asesoramento de xeito presencial.
Este servizo xurídico en liña de Igualdade é totalmente de balde e tamén ofrece resposta en tempo real sobre conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando en todo momento a confidencialidade dos datos.
Por provincias, o maior volume de consultas procede da Coruña con 62, seguida de Pontevedra con 44, Lugo con 10 e Ourense con 8, ás que se engaden 5 doutras comunidades autónomas. As principais usuarias do servizo nestes seis meses foron mulleres (103), porén tamén se rexistraron 26 consultas formuladas por homes, que non tiveron atrancos á hora de resolver as súas dúbidas.
A Secretaría tamén fixo un reconto dos tramos de idade das persoas usuarias deste servizo, dando como resultado que as persoas de 26 a 45 anos representan o 64% das usuarias. Por outra banda, o 40% das consultantes son persoas con estudos universitarios e, por temática, encabezan as entradas as relacionadas co acceso á asistencia xurídica gratuíta seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar e co dereito de familia.
A través deste servizo, as mulleres dispoñen dunha plataforma para acceder a información e asesoramento sobre os seus dereitos, que facilite a adopción das decisións máis axeitadas en cada momento pois, segundo indican dende a entidade responsable, “as mulleres inmersas en contornas de violencia de xénero descoñecen os dereitos que as asisten, ignoran como abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso é determinante para unha resposta xudicial máis efectiva”.
As consultas online poden ser complementarias ás que se realicen de xeito presencial nos 80 Centros de Información ás Mulleres que a Secretaría ten habilitados nas catro provincias galegas, garantindo tamén o anonimato e a confidencialidade da usuaria.
Para usar este servizo, as persoas interesadas só teñen que cubrir un formulario que achega a plataforma indicando o sexo, a idade, o estado civil, os estudos cursados, a provincia dende a que se realiza a consulta, o tipo de consulta (que aparece nun menú despregable) e a consulta concreta, así como a dirección de correo electrónico na que se quere recibir a resposta. O sistema permite que a persoa consultante reciba información de balde e personalizada para o seu caso concreto, de xeito rápido e doado.