O seminario sobre certificados dixitais do CPETIG reuniu a máis de cen profesionais
martes, 14 de setembro do 2010
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organizou o pasado venres día 10 unha completa xuntanza informativa para botar o máximo posible de luz sobre as diferentes funcionalidades e recursos da Rede en materia de identificación persoal, seguridade e tramitación en liña coas administracións públicas. O Seminario de aplicacións do certificado dixital e tarxeta criptográfica, que se desenvolveu dende o Telecentro de Santiago en conexión directa con catro cidades galegas (por videoconferencia), contou coa presenza de máis dun cento de asistentes. Segundo nos conta o propio CPETIG da man de Marcos Mata, presidente da entidade, no evento participaron algúns dos especialistas de meirande experiencia, a nivel estatal, en materia de certificados dixitais e comunicación con sinatura electrónica.
Polo encontro, sen ir máis lonxe, pasou o técnico en Seguridade do INTECO-CERT, Roberto Martínez, quen fixo un percorrido por conceptos como criptografía, certificado dixital, sinatura electrónica, para posteriormente trazar un percorrido polas entidades emisoras de certificados, tipos dos mesmos e rematar logo cunha mostra de exemplos de sinatura dixital de documentos e correo electrónico. Roberto recomendou o uso de clientes de correo polas vantaxes que ofrecen respecto ao uso de webmails, como por exemplo, a certificación dixital dos correos.
Pola súa banda, o avogado Víctor Salgado do bufete Pintos&Salgado, cun relatorio que levaba por título Base Xurídica e validez legal da firma electrónica, espertou interese entre os asistentes ao explicar dende un punto de vista xurídico, os distintos tipos de certificado, sinatura electrónica e a forza probatoria do seu uso.
Na rolda de preguntas do seminario, informa Marcos Mata, os asistentes afondaron en cuestións como a revogación dos certificados e a validez de documentos asinados con certificados revogados ou caducados. Sobre este punto, Víctor Salgado explicou que si a sinatura se produce no intre en que ese certificado é válido, a validez perdura no tempo.
Tamén moveu a debate a explicación do Art. 106.1 da Lei de Consumidores e Usuarios sobre o emprego das tarxetas de pago, ao abeiro da cal, ante unha anulación do cargo por parte do consumidor, é a empresa que emite o pago a que debe amosar que foi o usuario quen fixo a compra. “Isto demóstrase”, cóntanos o presidente do CPETIG, “cando o usuario asina un recibo en papel, introduce o pin da súa tarxeta, ou a través de Internet se certifica a identificación do usuario, cousa que poucas veces sucede”.
Como punto e final da xuntanza, Natalia Álvarez, da empresa C3PO, centrouse nos aspectos técnicos de comunicación entre os lectores de tarxetas e tarxetas criptográficas, acompañando o seu relatorio dun exemplo sobre cómo almacenar e usar os certificados dixitais nas tarxetas criptográficas CERES da FNMT que o CPETIG repartiu de balde entre tódolos asistentes.
”Como nota común”, relata o presidente do colexio profesional galego, “os distintos relatores coincidiron en sinalar que si ben en España xa hai máis de 12 millóns de DNI electrónicos, e que preto do 70% dos procesos da Administración xa están preparados para a Administración Electrónica, segue a existir un gran descoñecemento por parte da cidadanía en xeral sobre os seus usos e beneficios”.
O seminario foi rexistrado e en breve estará a disposición de todos aqueles que o queiran visualizar a través da canle do Colexio en Youtube.
