O patrimonio medieval de Ourense métese de cheo nos móbiles
venres, 11 de marzo do 2011
A Deputación Provincial de
Ourense, en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC),
vén de facer posible que o patrimonio medieval da provincia das Burgas,
caracterizado pola súa beleza e singularidade, estea a disposición de calquera
persoa, en calquera momento e onde queira que esta estea, para o goce
inmediato da súa riqueza romántica e a consulta de tódolos datos que precise
sobre a mesma.
Para isto é necesario ter un móbil
de última xeración con conexión á Rede, dende o que se poida acceder á web Ourense
Medieval, o proxecto (reflectido polo miúdo en Xornal.com) desenvolvido polas devanditas entidades para dar a
coñecer esta provincia alén dos nosos lindes.
A ferramenta, que comezou a
fraguarse no 2009, recolle un total de 200 restos medievais e máis de 2.000
fotografías que os identifican, permitindo a súa consulta online e a súa xeolocalización por GPS.
En palabras dos seus creadores,
trátase dunha ferramenta “aberta, viva e
activa”, que se vai ir completando coas achegas que fagan as persoas
usuarias, interesadas (como os seus xestores) en difundir o patrimonio medieval
ourensán.
Eugenia Muñoz, a coordinadora da
plataforma, asegura que “aínda poden
aparecer entre un 5 e un 10 por cento máis de restos románicos” polo que o
aproveitamento das vantaxes da web 2.0 será fundamental para as aportacións que
fagan as persoas usuarias.
Nunha segunda fase, xa iniciada,
Muñoz asaegurou que se van incluir na plataforma móbil “tódalas fortificacións da provincia de Ourense, así como outras edificacións
civís como Pontes ou pazos”.
Pola súa banda o director de
Agadic, Juan Carlos Fasero, destacou “a
calidade fotográfica da web”, e indicou que ofrece “unha visión moi próxima de detalles moi concretos de figuras ou
elementos ornamentais aos que, mesmo chegando ao lugar, son difíciles de
observar de primeira man”.
Asemade, valorou moi
positivamente o servizo de xeolocalización por GPS, que lle permitirá aos
usuarios desprazarse ata cada monumento de maneira doada sen dar demasiadas
voltas.
