O Golfiño: corrector de galego para OpenOffice.org

venres, 29 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, presentaron hoxe o corrector gramatical para o galego Golfiño, de xeito que a nosa lingua se converte na primeira do Estado en contar con esta ferramenta que se integra en OpenOffice.org, de xeito que o seu procesador de textos pode detectar erros de sintaxe, estilo e concordancia, entre outras funcionalidades.
O paquete ofimático de código aberto OpenOffice.org está a ser usado por máis de 45.000 galegos, que agora poderán engadir ó Golfiño ó mesmo, aínda nesta versión de probas que se irá mellorando coas achegas que fagan os seus usuarios.
Características técnicas do Golfiño
O Golfiño corrixe erros gramaticais e de estilo frecuentes nos escritos en galego como os provocados polo cambio de norma, os de rexencia verbal, os de concordancia de xénero e número, os de confusión ortográfica con detección gramatical, as malas construcións de perífrases verbais ou as preposición non admitidas polo verbo. Ademais, pode detectar nalgúns casos erros de contracción, da posición dos pronomes enclíticos e mais erros de concordancia nominal e verbal.
A configuración deste corrector gramatical está baseada na tecnoloxía lingüística resultado dos traballos da comunidade científica galega e nun innovador proxecto de investigación brasileiro, que dispón do corrector gramatical do portugués do Brasil CoGrOO.
A versión actual do Golfiño é un prototipo ou beta, é dicir, un modelo en proba dirixido a que tanto a comunidade científica da lingua galega (Instituto da Lingua Galega, Real Academia Galega, Centro Ramón Piñeiro, departamentos de lingüística computacional...) como a comunidade do Software Libre poidan realizar melloras no sistema e crear así unha ferramenta de maior rigor, potencia e funcionalidade. Así mesmo, procura sentar a base para o desenvolvemento de proxectos futuros nesta liña de investigación, no camiño da implantación do galego na sociedade da información.
O corrector Golfiño foi realizado pola empresa Imaxin Software, S.C., adxudicataria do concurso público, que requiriu un investimento de 51.000 euros.
TPV en galego
Por outra banda, a Consellería de Innovación e Industria presentou tamén o Terminal Punto de Venda (TPV) Tina POS, un dos primeiros programas de xestión empresarial traducidos ao galego a través do proxecto de difusión do software libre Mancomun.org. Esta actuación encádrase nas estratexias do PEGSI, que contempla a necesidade de achegarlle ás empresas software de calidade en galego.
Tina POS foi desenvolvido en orixe para xestionar a caixa dun negocio hostaleiro, pero é facilmente adaptable a calquera pequeno comercio. Está especializado como TPV para os establecementos hostaleiros, cun sistema de xestión visual das mesas, que controla se están ocupadas ou libres. A configuración da situación das mesas pode personalizarse segundo as condicións do establecemento. Malia estar deseñado para pantallas táctiles, está configurado tamén para traballar co rato e co teclado. Xestiona o proceso de venda mediante unha interface sinxela á que teñen acceso os vendedores. Permite tamén a creación e a impresión de tickets, a agrupación de pedidos por mesas en hostalería, realiza cambios na base de datos do inventario e outros labores do negocio.
Ademais do Tina POS estase traducindo o ERP libre OpenBravo, un programa que permite xestionar todos os procesos (compra e venda, recursos humanos, marketing...) dunha PEME e estanse avaliando solucións abertas para a contabilidade das empresas.