Nace unha plataforma multimedia que recolle a creatividade galega dos 80

xoves, 29 de abril do 2010 Raquel Noya

O grupo de investigación Dx7 xestado e creado na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo para materializar as ideas innovadoras que un grupo de alumnos e alumnas tiñan entre mans, vén de dar a coñecer o seu proxecto Wiki Map. Galicia Culture, unha interface multimedia que ten como obxectivo inicial “divulgar os movementos creativos emerxentes nos anos 80 en Galicia”, tales como a videocreación, a moda, a fotografía e as artes escénicas, entre outras manifestacións culturais. Segundo informan dende o boletín virtual desta entidade académica, a plataforma foi xerada para “conter unha análise visual e conceptual da cultura desa década” e está articulada a modo de base de datos en liña na que se recompilan recursos textuais e multimedia, así como entrevistas e testemuñas de primeira man dos protagonistas galegos desa época.
A iniciativa xurdiu, segundo palabras de Cristina Varela, unha das integrantes do equipo de traballo, “pola tentativa de vincular as especialidades dos distintos membros do grupo de investigación, cunha parte máis centrada no ámbito das novas tecnoloxías e dedicada á creación de ferramentas interactivas e coa outra na revisión dos movementos culturais dos anos 80”. Asemade, o proxecto foi creado co obxectivo de normalizar a información existente (moi pouca por certo) nunha base de datos ordenada, empregando para elo un modelo sinxelo e intuitivo que facilitara a navegación e a procura de información dos internautas. A Wiki Map. Galicia Culture presentouse no seo dun congreso en Portugal e con motivo da exposición Os 80. Moda en Galicia. Singularidades que se pode ver actualmente no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Completaron o equipo de traballo da Wiki Map: Lola Dopico, Silvia García, Marcos Dopico, Alberto Valverde e Alberto García Ariza, coa colaboración de Rocío Gómez Juncal, Fran Miguens, Ana Seoane e Marta Fariña.