Medra imparable da compra de roupa a través da Rede, segundo un estudo
xoves, 11 de outubro do 2007
Na actualidade estamos a asistir a un medre moderado pero continuo do comercio electrónico en España, dentro do que cómpre salientar ó sector da moda como un dos máis dinámicos. Segundo datos revelados polo Instituto Nacional de Estatística, “o número de internautas que mercou roupa ou material deportivo en 2006 medrou un 25 por cento con respecto ó ano anterior”.
Neste contexto, a axencia de investigación especializada en comunicación, tendencias e novas tecnoloxías, The Cocktail Análisis, levou a cabo no pasado mes de xullo un estudo con máis de 1.000 internautas, no que se afonda nas actitudes e comportamentos da poboación internauta española á hora de adquirir roupa e complementos a través da Rede.
Xa que logo, De rebaixas na Rede é unha investigación que explora de xeito especial as oportunidades para as grandes cadeas de moda que operan en España e vén de revelar que a un de cada dous compradores actuais de moda (50 por cento) gustaríalles mercar en liña na principal cadea do grupo Inditex, Zara, mentres que outras cadeas como H&M, Pull&Bear, Springfield, Mango, C&A, Bershka, Oysho e Stradivarius atraerían a atención a través da Rede de máis dun terzo dos compradores.
No que respecta ás “barreiras”, a investigación revelou que a posibilidade de empregar formas de pago alternativas á tarxeta (teléfono ou contrarreembolso) é o factor menos decisivo de cara a mercar máis moda na Rede mentres que os prezos máis baixos das tendas en liña é o factor máis determinante á hora de levar a cabo este tipo de compras (75 por cento dos enquisados).
Outro dato revelador e moi significante é que, segundo o estudo, “o 11 por cento das mulleres españolas de 14 anos comprou roupa ou calzado por catálogo en 2006”, o que supón unha amplísima base de mercado potencial de consumidoras que xa ten superados os freos referidos á supresión da experiencia sensorial nas compras.
En efecto, os datos son salientables neste senso, pero aínda hai máis, segundo un recente informe da consultora Forrester Research, en EE.UU, as ventas en liña de roupa en 2006 superaron por primeira vez na historia ás de ordenadores e agárdase que ó longo deste ano, o 10 por cento da ventas totais de roupa procedan do comercio en liña.
