Industria axúdalle ao empresariado a iniciarse na venda en liña

mércores, 25 de abril do 2012 Raquel Noya

Hai só uns anos, as principais preguntas que se facían os empresarios e autónomos perante a inminente chegada da crise económica global eran do tipo de: “ofrecerame Internet a solución que busco para o meu negocio?”, “haberá posibilidades reais de ofrecer os meus servizos na Rede?”, “será un lugar seguro para vender con éxito os meus produtos?”; hoxe as preguntas que se fan os mesmos axentes tornaron nun xiro de 360 graos, e o que máis e o que menos sabe que o futuro dos seus negocios pasa inevitablemente por investir en eComercio (non hai máis que ver os datos do último estudo do ONTSI sobre comercio electrónico en España, que indican que a cifra de negocio incrementouse en máis de 9.000 millóns de euros no último ano) , mais iso si, agora as dúbidas xorden en torno ao modelo a seguir para iniciarse no comercio electrónico como canle de venta, e tamén en como comezar a operar neste novo panorama dixital.
Dende o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade Red.es, coñecen as necesidades que neste senso teñen actualmente os empresarios e autónomos españois, e a fin de axudarlle a iniciarse na súa andaina de venda en liña, veñen de presentar o programa ¿Vendes en Internet?, co que buscan apoiar ás pequenas e medianas empresas nesta iniciativa online.
A entidade pública tamén pretende aumentar o número de empresas que vendan os seus produtos e servizos na Rede, ao tempo que tratan de promover a creación dunha oferta de calidade en cada segmento de actividade.
Para isto, o devandito programa está dotado dun presuposto de 1,6 millóns de euros, distribuídos en tres liñas de actuación, mediante as que se aportan as ferramentas necesarias para iniciar ou potenciar o comercio electrónico, tales como talleres de formación, un servizo de asesoramento personalizado e a creación da web www.vendeseninternet.es.
Asemade, para apoiar esta crecente área de negocio, o organismo público vén de destinar tamén un presuposto de 4 millóns de euros a unha convocatoria de axudas (na actualidade pechada) que permitirá contratar servizos de asesoramento personalizado para a posta en marcha da canle de venda en liña e implantar solucións tecnolóxicas de comercio electrónico.

Actuacións do Programa
Talleres de formación
ata o vindeiro 30 de xuño desenvolveranse 26 sesións de formación presencial repartidas en cidades de oito comunidades autónomas, entre as que se inclúe Santiago de Compostela.
Cada taller ten unha duración de catro horas e tratará diferentes temáticas relacionadas co negocio electrónico e os seus aspectos tecnolóxicos e legais; estes servirán para achegarlle ás persoas participantes as respostas ás principais dúbidas que vaian xurdindo no momento de iniciarse no negocio do comercio electrónico.
Asesoramento e web de apoio
O programa tamén ofrecerá asesoramento personalizado a cada empresario ou autónomo, que poderá realizar as consultas que desexe tanto en liña como de xeito presencial nos devanditos talleres. Asemade, a través da web VendesEnInternet.es posta en marcha no marco do programa, os internautas poderán acceder a información relativa á formación, casos de éxito, catálogos de provedores, produtos tecnolóxicos e todo tipo de recursos de utilidade para a súa andaina na Rede.