Dispoñible para a súa descarga o Firefox 4 Beta 1

mércores, 7 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Aínda que queda un longo treito para o lanzamento do Firefox 4, os desenvolvedores poden xa descargar a súa primeira versión de proba, que permite botar unha ollada ao que pretende achegar o navegador da Fundación Mozilla na súa vindeira xeración, e que polo momento non é o suficientemente estable como para animar a usuarios finais a instalala.
O Firefox 4 Beta 1 incorpora ducias de grandes melloras, das que esperan comentarios para marcar o camiño que seguirán, e o seu cambio máis notable para os usuarios de Windows é que a barra de menú vese substituída por un único botón, á vez que as pestanas pasan á partes superior da fiestra do navegador, dando prioridade ao contido da web fronte á interface do programa (aínda que estes cambios de interface aínda non poden verse nas versións para Mac OS X e Linux).
Pero esta nova versión de proba tamén inclúe un novo administrador de engadidos (facilitando a personalización do navegador), mellor soporte de vídeo en alta definición en HTML5 (soportando tamén o formato WebM), melloras na protección da privacidade, protección contra os fallos de execución dos engadidos (que agora non forzarán o peche do programa) e un mellor rendemento.
Os programadores agradecerán novidades coma un intérprete de HTML, WebSockets (para permitir a interacción en tempo real durante sesións de chat ou xogos), IndexedDB (unha estrutura de almacenamento para as aplicacións web), a posibilidade de crear engadidos para o navegador que non precisen o reinicio do mesmo para utilizalos e outras funcionalidades que demostran que o navegador de escritorio máis popular tras o Internet Explorer continúa moi vivo.