Compostela acolle o venres 21 a primeira edición das Xornadas de Software Libre na Empresa
luns, 17 de setembro do 2012
A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario
Galego, pertencente ao CIXUG, vén da anunciar a celebración duns encontros para
permitir a meirande visualización posible dun fenómeno que achega múltiples
vantaxes a nivel corporativo: a aplicación de ferramentas abertas no tecido
produtivo. Este, e máis potenciar a vertente empresarial dos nosos novos
expertos en open source, é o miolo da
primeira edición das Xornadas de
Software Libre na Empresa, que se celebran este venres 21 de setembro de
16.00 a 20.30 horas, de balde (pregándose confirmación de asistencia), na
Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago.
Estes encontros, sinala a Oficina, están
especialmente dirixidos aos futuros profesionais galegos das novas tecnoloxías,
aínda que están abertas á participación do público en xeral. O obxectivo das
mesmas é amosar aos asistentes que o software libre “é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial
así como as hai moitas oportunidades do mercado laboral para o profesional
experto en programas abertos”.
A xornada comeza coa presentación da Oficina
de Software Libre das Universidades galegas da man do seu coordinador Enrique
Estévez que amosará cales son as accións previstas desta oficina para o
vindeiro cuadrimestre co obxectivo de difundir este tipo de programas nas tres
institucións educativas superiores galegas. Logo, tomará a palabra o xerente de
AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, Luis Alberto Fernández,
quen fará unha presentación do colectivo que representa e máis dos proxectos
que está a levar a cabo.
A continuación comezará o primeiro bloque da
xornada, coa participación das empresas A Navalla Suíza, Sdweb, Openhost e Xercode,
onde cada unha explicará brevemente como usa o software libre, dará unha visión
dos proxectos nos que está involucrada e explicará porque decidiu apostar polo
software libre.
Para rematar este bloque, realizarase unha
mesa redonda coas empresas participantes nas que se debaterá sobre o Emprendemento
con Software Libre.
No segundo bloque, profesionais do software
libre falaran sobre a súa experiencia con software libre, sobre porque se decidiron
a formarse nestas tecnoloxías e como e porque colaboran coas comunidades de
software libre. Para rematar realizarase unha mesa redonda sobre as Oportunidades
de traballo para o profesional do software libre.
