Bolt estréase como unha nova solución de VoIP para Android

luns, 10 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Nun momento no que son moitos os competidores que están a saírlle a WhatsApp que non conseguen imporse pese a contar con funcionalidades adicionais como a posibilidade de realizar chamadas mediante VoIP, chega unha nova aplicación que só aposta pola voz, Bolt, que polo momento só está dispoñible para Android, e que permite substituír o marcado telefónico do smartphone, de xeito que cando realicemos unha chamada detéctase se o destinatario emprega Bolt, de xeito que establece unha chamada de voz sobre IP sen custo adicional e, en caso de non poder establecer tal comunicación a través da Internet, realizará unha chamada telefónica ordinaria.
Esta aplicación que pode lembrarnos a Viber, esquece a mensaxería instantánea, e céntrase na voz, prometendo unha calidade de audio superior á dunha chamada ordinaria, mantendo o tráfico de datos ao mínimo (de media consumiría 60 Kbytes por minuto, polo que cun plan de datos de 1 Gb/mes poderíanse realizar máis de 275 horas en chamadas, sen contar que as chamadas realizadas dentro de cobertura Wi-Fi non afectaría ao consumo de datos).
Bolt tamén destaca os nosos contactos favoritos baseándose no noso historial de chamadas, axilizando o establecemento de chamadas dende o móbil. Ao parecer, esta solución non vai quedar nunha aplicación para Android 4.0 ou superior, senón que teñen previsto o lanzamento dunha versión para iPhone e incluso a posibilidade de chegar a funcionar como un operador móbil virtual que funcione mediante unha subscrición económica.

Bolt pode substituír o marcador telefónico de Android