ata 15 centros europeos de supercomputación participan nunha xuntanza no CESGA

martes, 27 de novembro do 2018 Redacción

No marco do proxecto europeo PRACE-5IP, os participantes nos servizos de operación de 15 centros de supercomputación reuníronse durante os días 6 e 7 de novembro nas instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA, co obxectivo de intercambiar recursos e afianzar colaboracións a prol das tecnoloxías de cómputo de alto rendemento e os xeitos máis eficaces de poñelas a disposición das empresas, entidades, centros e comunidades de I+D. En termos máis concretos, o obxectivo foi mellorar a calidade de servizos que se proporcionan aos usuarios destas infraestruturas de referencia en Europa.
Segundo puidemos saber, a misión de PRACE (Asociación para a Computación Avanzada en Europa) é impulsar a investigación e o desenvolvemento de achados científicos e de enxeñaría de alto impacto en todas as disciplinas, co fin último de para mellorar a competitividade europea en beneficio da sociedade. PRACE, ao fío destes desafíos, fornece recursos e servizos de computación informática e xestión de datos e fortalece aos usuarios europeos do HPC (computación de alto rendemento) na industria a través de diversas iniciativas.
PRACE está establecida como unha asociación internacional sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas e conta con 26 países membros.