As apostas por Internet estarán sometidas a control, segundo a UE

venres, 11 de setembro do 2009 Raquel Noya

Segundo o último informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), os xogos de azar e apostas por Internet ocuparon o quinto posto no ranking de actividades económicas con maior peso no volume de ingresos xerados polo comercio económico en España durante o primeiro semestre de 2009, cun 6,7 por cento dos 1.239,2 millóns de euros que xerou este tipo de comercio.
Isto é debido, en parte a que o panorama do xogo en España cambiou moito nos últimos anos, pasando dunha situación na que os únicos operadores que ofrecían xogos era o ente público e a ONCE, ao contexto actual, no que existen gran cantidade de empresas de outros países europeos que operan en España mediante páxinas web ou casas de apostas autorizadas polas comunidades autónomas que non están sometidas a ningún tipo de control tributario.
Por outra banda, estas empresas que ofrecen apostas para case todo, dende deportivas, ata prognósticos sobre eleccións políticas ou carreiras de fórmula 1, ofrecen moita maior inmediatez e actividade que as empresas de loterías tradicionais polo que resultan moito máis atractivas para as persoas afeccionadas aos xogos de azar.
Agora ben, os tempos nos que as apostas pola Rede se podían facer sen máis control que o do propio usuario chegaron á súa fin, xa que o Tribunal de Xustiza Europeo vai comezar a esixir que se integren nos monopolios estatais do xogo e que, en poucas palabras, éstes paguen impostos.
Os españois, segundo datos recentes, xóganse 4.500 millóns de euros en apostas a través da Rede cada ano, unha desorbitada cantidade que nos leva a ocupar o terceiro posto da UE nas apostas no xogo, por detrás de Alemaña e Grecia. De estar reguladas esas apostas, tal e como vén de suxerir o Tribunal de Xustiza Europeo, “o Estado español ingresaría uns 650 millóns de euros ao ano”, cantidade que viría como anel ao dedo para rachar un pouco coa crise que nos está a afectar.
A Asociación Europea de Lotarías do Estado considera que o ditame do Tribunal de Xustiza Europeo (TJE) supón unha "gran vitoria na súa batalla" para garantir o dominio das súas actividades e poder ofrecer xogos de azar a través de Internet, unha medida que está "xustificada" para loitar contra a fraude.
Segundo a corte europea, os países da Unión Europea poderán restrinxir a posibilidade de ofrecer servizos de apostas e xogos sempre que consideren que vai en contra do interese público. Tras o recurso presentado por Bwin unha empresa con sede en Xibraltar contra Lotarías e Apostas do Estado de Portugal, o tribunal ditaminou que a prohibición de operadores de xogos e apostas por Internet como Bwin estaría xustificada para combater posibles actividades delituosas.