ADECES critica duramente a proposta europea para que as operadoras cobren por recibir chamadas

xoves, 26 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Non hai dúbida: hoxe en día cóllense máis chamadas polo móbil das que se deberían coller, sobre todo porque cada vez hai máis persoas cansas de que o suxeito co que falan lles interrompa por un ton atendido e por vaite ti a saber que parvada. Isto que vale para o día de hoxe, valerá moito máis para o día de mañá no caso de que prospere a proposta da Comisión Europea de permitirlles ás opedoras cobrar por chamadas recibidas. A medida, que está a ser criticada dende moitas frontes, vén de ser cuestionada seriamente pola Asociación de Internautas e pola Asociación Pro Dereitos Civiles Económicos e Sociais (ADECES), colectivos para os que non está nada clara a principal motivación esgrimida pola Unión Europea para xustificar a proposta: o aforro para o cliente.
A xuízo destas dúas entidades, o que si que está claro é que o feito de ter que pagar por contestar un reclamo no teléfono achegará unha perda de confianza de todos os implicados no mercado, “coas consecuencias que diso se derivan, incluída a caída da taxa de penetración da telefonía móbil”.
Para as dúas organizacións, asemade, o modelo que pretende impoñer a Comisión Europea xerará aínda máis susceptibilidades entre usuarios e operadores, e, sobre todo, desencadeará unha redución do emprego do móbil ao ficar este coma un obxecto con liberdade de uso cuestionada, ao non estar o cliente en disposición de elixir se colle ou non unha chamada. Dito doutra maneira: quen vai coller un reclamo procedente dun número que non aparece na súa axenda se sabe, se ten presente, que se lle vai cobrar por iso?
Con esta proposta, os únicos que estarán contentos son os que se teñan situado en contra do emprego do dito terminal e que reivindiquen a comunicación tradicional. Poderán estar certos, polo tanto, de que se teñen unha conversa con alguén, ese “alguén” non vai ter moita marxe de manobra para interromper o diálogo e atender unha chamada.