A relación empresa-eAdministración, a debate a partir deste martes nas xornadas do CPEIG

luns, 2 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

O afianzamento das novas tecnoloxías a tódolos niveis da nosa vida diaria está a mudar para sempre, entre outras cousas, o noso xeito de relacionarnos coas entidades públicas. Deste xeito, tratándose dun fenómeno novo e que nos colle tan de preto, cómpre que nos deteñamos para avalialo polo miúdo, ollando en fite cara a onde chegamos e cara a onde chegaremos. Disto, de avaliar o proceso para divulgar en detalle os resultados que poidan ser interesantes para cidadáns e empresas é do que tratan as xornadas As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica, uns encontros que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) a partir deste martes 3 de maio e ata o xoves 5 na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, colaboradora do evento xunto co Centro de Estudios Cooperativos.
O gran obxectivo das xornadas é favorecer un espazo activo para resolver as dúbidas que poidamos ter sobre as funcionalidades e o alcance da Administración Electrónica, sendo o divulgado de especial utilidade para o funcionariado, as empresas e os cidadáns en xeral.
A apertura das xornadas está prevista para as 10.00 horas deste martes, no salón de graos da dita Facultade, onde se darán cita un amplo número de especialistas en redes e administracións, abranguéndose cuestións máis específicas como o acceso da cidadanía aos servizos públicos, á contratación, á facturación, á protección de datos ou á informatización das cooperativas. Seguindo este fío, dicir que o encontro tamén achegará unha boa ocasión para coñecer en detalle o miolo da normativa sobre protección de datos e a súa aplicabilidade, e máis para afondar no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes.
Volvendo á sesión inaugural, sinalar que contará coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, a decana da Facultade de Ciencias Empresariais, Emilia Vázquez, o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá e o director do CECOOP da USC, Manuel Botana.
· Programa do martes día 3
10.00 h. Inauguración
11.40 h. Acceso Electrónico dos cidadáns aos servizos públicos
Miguel Ángel Davara Rodríguez
Catedrático de Dereito
12.50 h. Coloquio
16.30 h. Mesa redonda
Empresa e Administración electrónica
Roberto Pereira Costa
Presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas
Isidro Parga
Xerente Sector Público de PLEXUS
Carlos Fernández Castro
Presidente da Fegamp
18.30h. Fin da xornada