A Xunta achega ferramentas tecnolóxicas para axilizar a Xustiza
mércores, 22 de febreiro do 2012

- Juan José Martín, na comisión parlamentaria
O Goberno galego, no marco do Plan Senda 2014 para
a modernización da Xustiza e a axilización dos seus trámites mediante a
incorporación das TIC, vén de activar 46 dispositivos de conexión 3G para
fiscais galegos, que lles permiten o acceso remoto dende calquera recuncho aos
recursos dispoñibles na rede interna da Xunta, axilizando e, xa que logo,
facendo máis eficiente a nosa Xustiza.
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín
destacou onte no Parlamento de Galicia a utilidade desta tecnoloxía, e explicou
que o servizo telemático se pon a disposición dos profesionais dos distintos
colectivos vinculados á Administración de xustiza de Galicia “co obxecto de mellorar os seus medios” e “permitirlle realizar as súas tarefas dende
fóra das instalacións xudiciais”.
Este dispositivo
de conexión 3G, configurado nos ordenadores portátiles profesionais dos
fiscais, permítelles acceder en liña aos mesmos recursos que terían á súa
disposición de estar traballando dende o edificio xudicial, así como acceder á
Rede para calquera outra necesidade.
Deste xeito,
dende calquera sitio alleo á rede de xustiza e a calquera hora do día, os
fiscais poden acceder tanto á intranet da Administración de Xustiza en Galicia como
á súa intranet corporativa, así como aos servizos de correo electrónico, aos
documentos persoais e compartidos da rede de Xustiza e ao sistema de xestión
das fiscalías, Fortuny, entre outros
recursos profesionais.
Durante a
súa intervención no Parlamento, o director xeral de Xustiza lembrou que no
marco do Plan Senda, que desenvolve a Secretaría Xeral de Modernización e
Innovación Tecnolóxica, en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza, xa se
levou a cabo a renovación do 85% dos equipos informáticos cunha antigüidade
superior a cinco anos e que neste primeiro trimestre de 2012 “está prevista a actualización de 500 postos
de sobremesa e 500 equipos portátiles na Administración xudicial -e fiscal- de
Galicia”.
Tamén
lembrou que durante o ano pasado implantáronse 22 novos servizos de
videoconferencia, que tamén dan cobertura á Fiscalía de Galicia, ás catro
Fiscalías provinciais, ás tres Fiscalías de Área e ás catro Seccións Territoriais;
“e completouse a implantación de sistemas
de videoconferencias persoais para a súa utilización por parte dos fiscais”,
precisou.
