A USC prepara un curso de “TV dixital terreste e por Internet”
luns, 11 de xuño do 2007
Do vindeiro 11 ó 14 de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela vai levar a cabo un curso de verán que, baixo o título: “TV dixital terrestre e por Internet, comunicación interactiva e hipermedia”, aportará novas e diferentes visións sobre os últimos entornos abertos na sociedade da información.
No devandito curso, para o que ainda está aberta a matrícula, discutirase sobre as posibilidades abertas pola converxencia das novas tecnoloxías e as alternativas abertas pola comunicación interactiva e o concepto de hipermedia; analizaranse todas estas variables e demostrarase cómo lles van afectar á creación de contidos audiovisuais nun futuro próximo.
Ó longo de catro intensos días, Compostela acollerá interesantes relatorios de profesionais da televisión dixital terrestre ou da televisión móbil así como da TV 2.0, da Web TV e da creación de contidos en 3D e mundos virtuais.
O programa recolle ademais a celebración de relatorios relativos á aparición de novidosos conceptos como a “Web semántica 3.0: creación e intelixencia artificial” e o tratamento de temas tan esquecidos como a propiedade intelectual, os dereitos e o canon dixital na Rede, e a dixitalización da produción televisiva.
Ademais de todo isto, no devandito curso vaise presentar unha canle multimedia virtual que emitirá tódalas sesións e distintos cortos e traballos audiovisuais realizados polos alumnos participantes dentro do mundo virtual Second Life e tamén, a través de Internet.
O último día do curso, os asistentes aprenderán a facer radio e televisión por Internet nun obradoiro preparadado específicamente para isto.
