A Rede Amiga 2.0 da UDC acada máis de 3.000 membros no seu primeiro ano de vida

mércores, 9 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Apostar polas redes sociais non é crear un perfil en Facebook e agardar a que a xente se agregue por mandato divino, non. Apostar polas redes sociais é facer o que fixo a Universidade da Coruña hai algo máis dun ano: poñer en marcha o proxecto 2.0 Rede Amiga da UDC e crear a súa propia conta en Linkedin, Twitter, Facebook, Youtube, Flickr e Tuenti, para dende alí, incentivar a interacción, informar e escoitar á comunidade universitaria e a toda a sociedade en xeral do que se fai no entorno académico.
O proxecto botou a andar na Rede da man do Consello Social da UDC en colaboración coa FUAC e no seu primeiro ano de vida xa acumula máis de 3.000 seguidores en conxunto, o que, segundo os seus creadores, “non fai máis que afirmar a teoría de que o crecemento das redes sociais é imparable”.
A Rede Amiga, ademais de permitir facer as mesmas cousas e fedellar nas mesmas aplicacións que permiten os perfís de outras entidades, axuda a que a comunidade universitaria (formada por alumnos, profesores e acabados de licenzar) poidan informarse das ofertas laborais e das bolsas de formación que os usuarios teñen á súa disposición, así como enterarse, por medio das ferramentas de xestión, da situación actual dos negocios en tempos de crise.
A ferramenta virtual da UDC que máis seguidores acaparou neste ano foi Twitter, que supera xa os 450 usuarios, acadando un crecemento proporcional ao experimentado por esta ferramenta 2.0 no conxunto de España.
Por outra banda, o perfil da entidade académica en Facebook aumentou ata os 1.400 seguidores, acadando unha media diaria de cinco novos amigos e amigas.
No tocante á rede Linkedin, a UDC acaparou uns 200 novos seguidores (fronte aos 70 do pasado ano), mentres que en Tuenti, a segunda rede social en España, o grupo da Rede Amiga supera os 500 seguidores.
Porén a ferramenta virtual máis importante, “o eixo central de todas as comunicacións” como o denominan dende a UDC, é o seu blog, que recibe medio centenar de visitas diarias, unha cifra que segue subindo na medida en que se incrementan os usuarios da Rede 2.0 no noso país.
Segundo informan na entidade académica, o feito de que o diálogo dinámico existente nas universidades de todo o país vaia parello á irrupción das redes sociais, “non supón unha moda, senón máis ben unha necesidade”.