Gamelab conta este ano co programa máis completo de tódalas edicións

martes, 19 de xuño do 2012 Raquel Noya

O equipo encargado da organización da VIII Feira Internacional do Videoxogo e o Ocio interactivo, GameLab, fixo público, esta mesma mañá, o programa de contidos para a edición deste 2012, que se prevé que sexa “ máis ampla e de maior duración que en edicións anteriores”.
O evento, que se celebrará en Barcelona entre o vindeiro 27 de xuño e o 1 de xullo, pasa de durar tres a durar cinco días, e a reforzar, entre outras cousas, a súa oferta de contidos abertos ao público, sen deixar por iso de apostar pola súa “vocación de congreso profesional”.
A organización presentou o programa desta oitava edición afirmando que Gamelab non é tan grande en volume como outros encontros internacionais pero “conta cos contidos máis selectos”, de maneira que intentarán converter ao videoxogo “nunha referencia para outras industrias culturais” afirman.
Gamelab é un dos eventos profesionais máis importantes do sector do videoxogo no sur de Europa e a cita obrigada para as compañías internacionais da industria e o mercado de fala hispana.

Este ano non se celebrará o GAMEFEST

O abano de contidos que recolle o programa deste ano non deixa lugar para o aburrimento, e suplirá en tódalas facetas a falta da edición da GAMEFEST 2012, que se cancelou “por mor da crise”.
Xa que logo como en toda cita destas características e dimensións, na feira Gamelab deste ano non faltarán os relatorios e debates da man dos gurús máis destacados a nivel internacional, nin as xornadas de networking profesional, nin as actividades formativas, nin os Premios Nacionais á Industria do Videoxogo, que un ano máis organiza a Academia das Artes e as Ciencias, e que se entregarán o día 28 de xuño.
A maiores hai que engadir a xornada Gamelab Mobile, un evento dedicado por completo á revolución dos xogos para dispositivos móbiles (que se celebrará o día 27 de xuño), e tamén a exposición de videoxogos aberta ao público, na que se mostrará, asemade, o máis representativo do mundo das comunicacións e as últimas novidades en tecnoloxía.
Entre os relatores e relatoras convidados destaca a presenza do creador de Halo, Alexander Seropian; a enxeñeira xefe en Microsoft, Corrine Yu; o creador, entre outros moitos xogos, do popular Castlevania, Enric Alvarez ou o creador da saga Gran Turismo e piloto de carreiras profesional, Kazuroni Yamauchi.
As entradas e pases para a zona de congresos poden adquirirse en Ticketmaster por 15 euros (prezo para os 4 días), ou ben aproveitando algúns dos descontos e vantaxes que a organización achega na súa páxina web.