A FIC acolle este xoves unha launch party sobre as vantaxes do Gnome 3
mércores, 27 de abril do 2011
Haberá un antes e un despois da versión 3 do proxecto
Gnome, o escritorio libre por excelencia. Así
opinan os membros do colectivo Trasno, para os que é preciso informar polo
miúdo do enorme chimpo cualitativo, dende o punto de vista tecnolóxico e tamén
dende o funcional, que representa a nova achega do contorno de escritorio de
sistemas operativos libres, de cuxa adaptación á nosa lingua se encarga,
precisamente, Trasno. Pois ben, con esta arela de falar ben alto sobre as moitas vantaxes do Gnome 3, o
xoves 28 de abril a aula 3.1 da Facultade de Informática da Coruña (FIC) será
escenario dunha festa launch sobre a
devandita tecnoloxía.
A celebración, que comeza ás 18.00 horas, vén
da man de da Asociación GHANDALF en
colaboración coas Asociacións GPUL e a Asociación Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas
Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.
“En base
ao programa exposto”, informan as asociacións convocantes, “percorreremos a interesante historia do
proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente
salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e
coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización
de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos gozar de Gnome 3 en galego
dende o primeiro día”.
A continuación, damos conta do programa
de actividades:
- 18:00 – 18:15 Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
- 18:15 – 18:45 Presentación do proxecto GNOME
- 18:45 – 19:15 Demo de GNOME 3
- 19:15 – 19:45 GNOME 3 galeguizado
- 19:45 – 20:00 Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3 (incluíndo tamén camisolas, chapas, cuncas conmemorativas, etc).
