Especialistas poñen de manifesto no CCG a importancia da alfabetización audiovisual
venres, 17 de abril do 2026
Os cineastas Jorge Coira, Jaione Camborda e Anxos Fazáns, representantes de tres xeracións do audiovisual galego, protagonizaron unha das conversas centrais das II Xornadas Cine e educación: olladas para compartir, celebradas no Consello da Cultura Galega (CCG), na que puxeron o foco na formación, o acceso ao cinema e a necesidade de construír unha mirada crítica desde as aulas.
Na inauguración da sesión, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou a importancia de “consolidar espazos de encontro que permitan afondar na relación entre cinema e educación máis alá dos marcos tradicionais”.
Pola súa banda, José Manuel Sande, co-organizador da xornada xunto con Ana Moreiras e Beli Martínez, afondou na “necesidade de construír novas formas de aproximación ao audiovisual, afastadas dos modelos tradicionais de ensino e apostando pola creación de novos públicos e pola alfabetización audiovisual”.
As xornadas puxeron de relevo a importancia da educación en linguaxe audiovisual e os beneficios de formar unha mirada crítica. Neste contexto, a conversa entre Coira, Camborda e Fazáns serviu para reflexionar sobre os seus procesos formativos e os retos actuais do sector.
Jorge Coira lembrou a súa formación autodidacta nun momento no que non existían estudos regrados de cinema en Galicia: “Fun aprendendo a base de ensaio e erro”, sinalou, destacando tamén que “experiencias como os cursos Cero en conduta foron unha salvación”.
Pola súa banda, Jaione Camborda relatou a súa experiencia en centros internacionais (en Barcelona e en Munich) e o valor dos intercambios: “Namorei da fotografía” e atopou nese percorrido diferentes maneiras de entender o cinema.
Anxos Fazáns incidiu na necesidade de facer máis accesible a formación audiovisual e lembrou que “non todo o mundo se pode permitir ir estudar fóra”, aínda que subliñou que “se pode chegar a facer cinema por outras vías”.
Os tres coincidiron en sinalar “a carencia histórica de formación específica en cinema en Galicia” e “na necesidade de impulsar unha aposta decidida neste ámbito, pese ás dificultades económicas, para evitar a fuga de talento”.
No marco da conversa, a produtora e cineasta Anxos Fazáns sintetizou os elementos necesarios para consolidar un audiovisual propio: “Fan falta catro elementos fundamentais: axudas públicas, unha televisión implicada, un festival potente e unha escola de cinema prestixiosa”.
A dita reflexión foi compartida e ampliada polos outros participantes. Jorge Coira incidiu especialmente na importancia de contar cunha televisión pública forte —“foi un momento de revelación e felicidade”, lembrou sobre os inicios da TVG— como motor da industria, e lamentou que “ese impulso se quebrara”. Pola súa banda, Jaione Camborda reclamou o cumprimento do investimento do 6% no sector da cadea pública galega e advertiu que “hai unha débeda coa diversidade moi importante”, poñendo o acento na necesidade de reforzar o compromiso institucional.
Alertaron tamén do contexto actual, marcado polo “bombardeo constante de imaxes”, en palabras de Coira, quen advertiu de que “toda imaxe ten unha idea detrás” e da necesidade de desenvolver unha mirada crítica para detectar nesgos. Camborda engadiu que esta formación é “unha das patas indispensables”, aínda que debe ir acompañada da “responsabilidade de exhibidores, distribuidores, cineastas e políticos”, co obxectivo de construír unha cidadanía máis consciente e menos vulnerable”.
Ademais, na xornada desenvolvéronse dous paneis de experiencias que permitiron coñecer diferentes modelos de mediación cultural e educación audiovisual nos que o cinema se entende tanto como ferramenta pedagóxica como espazo de formación de públicos. O primeiro panel centrouse en proxectos educativos vinculados á exhibición e ás plataformas de aprendizaxe, mentres que o segundo puxo o foco no papel dos festivais como axentes activos na construción dunha mirada crítica e na creación de comunidades arredor do cinema.
No ámbito do cinema como ferramenta pedagóxica, Xan Gómez Viñas presentou o traballo de Numax, onde a programación en sala compleméntase con actividades didácticas, encontros con creadoras e creadores e propostas de mediación que buscan achegar o público ao proceso cinematográfico máis alá da proxección, “favorecendo unha relación máis activa coa obra e coas linguaxes audiovisuais”.
Pola súa banda, Joan Gonzàlez expuxo a experiencia de Nextus, plataforma educativa desenvolvida en Cataluña que integra recursos didácticos, itinerarios formativos e materiais para o traballo co audiovisual en contextos educativos, facilitando a conexión entre cinema contemporáneo e aulas. Desde O Porto, Sofía Lemos Marques presentou o labor do Batalha Centro de Cinema, que conta cun servizo educativo específico orientado a escolas e públicos diversos, con sesións comentadas, obradoiros e programas de alfabetización audiovisual que fan do cinema un espazo de aprendizaxe continuada e de acceso á cultura cinematográfica.
No segundo panel, dedicado a festivais e educación, Álvaro Dosil explicou a experiencia do festival compostelán Curtocircuíto, que combina a exhibición de cinema contemporáneo con programas formativos, actividades para centros educativos e espazos de encontro entre creadoras, público novo e profesionais, reforzando a dimensión pedagóxica do festival.
Suso Novás debullou o traballo de Novos Cinemas, un festival centrado no cinema de autor e nas novas narrativas, que aposta por unha relación próxima co público a través de encontros, obradoiros e iniciativas que favorecen a comprensión do proceso creativo e a formación dunha mirada crítica. Finalmente, Filipe Guerra e Miguel Arieira deron a coñecer os Encontros 26 Festival de Cinema de Viana, un proxecto que combina programación cinematográfica, actividades educativas e accións de mediación cultural, consolidándose como un espazo de diálogo entre o cinema contemporáneo e a formación de públicos na rexión do norte de Portugal.
Pola tarde a sesión abordou os escenarios de futuro da edición audiovisual e nomeadamente do papel da intelixencia artificial neste panorama da man de José Manuel Sande e Ana Moreiras. Após a súa intervención, Rubén Ballesteros impartiu un obradoiro práctico que implicou a creación guiada dunha curtametraxe mediante ferramentas de IA.
