Allariz impulsa a súa estratexia dixital cunha nova web sen barreiras
venres, 13 de marzo do 2026
O Concello de Allariz deu este venres 13 de marzo un novo paso na súa modernización tecnolóxica coa presentación da nova faciana do seu portal web, allariz.gal. En palabras do Goberno local, “esta plataforma non é só un cambio estético: nace como unha ferramenta útil que simplifique a relación dos veciños coa administración e, ao mesmo tempo, funcione como o mellor escaparate turístico para quen queira descubrir o noso municipio”.
No acto de presentación, a alcaldesa, Cristina Cid, estivo acompañada pola concelleira de Promoción Económica, María López, e por Pablo Sanmartín, responsable da empresa Dixital Gou, encargada de dar forma ao proxecto.
A renovación, financiada a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea dentro do Plan de Sostibilidade Turística, “supón un salto de calidade na estratexia dixital de Allariz”, sinalaron dende o Concello, engadindo que “con este novo deseño, o municipio busca non só ser máis eficiente, senón tamén gañar concorrencia como un destino turístico de referencia, máis accesible e conectado”.
O novo deseño pon o foco en que Allariz teñan máis presenza ca nunca en Internet. A sección de Turismo foi redeseñada de raíz, aplicando estratexias de posicionamento (SEO) para “garantir que a nosa riqueza patrimonial, natural e cultural apareza nos primeiros resultados de busca en canto alguén amose interese polo noso municipio”, sinalaron, apuntando que “a maiores a experiencia de usuario mellora cun buscador intelixente que anticipa as necesidades do visitante, permitindo localizar calquera recurso turístico de xeito intuitivo e sen rodeos”.
Sendo conscientes de que a maioría das consultas se fan dende o teléfono, Pablo Sanmartín, de Digital Gou, explicou que a nova web é 100% responsive, o que significa que se adapta perfectamente á pantalla de calquera móbil ou tableta, ofrecendo unha navegación cómoda e segura para a veciñanza.
O novo deseño nace “coa vocación de ser unha ferramenta para todos e todas, sen excepcións”. Por este motivo, integrouse un sistema avanzado de accesibilidade que permite que cada persoa adapte a web ás súas necesidades: desde aumentar o tamaño do texto ata cambiar os contrastes de cor ou resaltar as ligazóns para unha navegación máis clara. Coa eliminación destas barreiras dixitais, o Concello de Allariz reafirma o seu “compromiso cunha administración que non deixa a ninguén atrás”.
En definitiva, sinalaron dende o Executivo local, “esta reforma non é un simple lavado de cara estético, senón unha evolución necesaria para que Allariz estea máis conectada, accesible e, sobre todo, capaz de dar unha mellor resposta aos retos do día a día”.
Esta actuación forma parte do PSTD Allariz Destino Sostible que está financiado con recursos que proveñen do PRTR, Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no desenvolvemento das actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos definidos.
